Wednesday 18 de September de 2024

Unha decena de familias beneficiáronse xa no que vai de ano das axudas á natalidade de Neda


Un total de 10 familias do municipio beneficiáronse no primeiro semestre deste ano do programa de axudas, dirixido ás nais e pais de Neda que inscriban no padrón municipal aos seus fillos/as nacidos ou adoptados ao longo deste 2024. Esta subvención de pago único ten un importe de 300 euros ou de 600 euros, no caso de menores con algún tipo de discapacidade.

Durante todo o exercicio anterior foron trece as familias que finalmente accederon a esta liña de axudas coa que o Concello recibe aos novos bebés nedenses, colaborando coas familias á hora de facer fronte aos numerosos gastos dos primeiros meses de vida. Así, de manterse a tendencia do primeiro semestre, a cifra podería verse superada este ano, o que suporía, sen dúbida, unha boa nova.
Dende o Concello apuntan que teñen dereito ao denominado “cheque 300” pais/nais, empadroados no municipio cunha antigüidade mínima de seis meses, que soliciten este apoio económico no prazo máximo de tres meses tras a alta censal do menor.

Lembran tamén que é requisito indispensable para percibir o cheque que os proxenitores asinen un compromiso de manter o empadroamento en Neda durante un período mínimo de catro anos. Deste modo faríase efectiva a finalidade da axuda, que non é outra que contribuír a fixar poboación nova no municipio.